sábado, 19 de febreiro de 2022

Carta do Colectivo Berro Seco ás Ampas galegas


Á atención das ANPAS galegas

Dende o colectivo Berro Seco, dirixímonos a todos os membros da Comunidade Educativa, para amosar a nosa máis profunda preocupación pola situación e consecuencias que sofre o  alumnado nos centros educativos debido  á implementación dos protocolos Covid.

 


 

Durante os últimos 16 meses de curso escolar, o alumnado mantivo o uso de máscaras tanto nas aulas como nos patios, recibiu clase coas ventás abertas, mantívose en grupos burbulla sen contacto co resto dos compañeir@s, tivo que mudar as rutinas das entradas e saídas, usar xeles diariamente, extremar o lavado de mans, adaptarse (por falta de espazos) a cambios moi duros na dinámica das clases de moitas especialidades (música, educación física...), prescindiu de xogos no patio, nas aulas, sufriu as dificultades de traballo que xurdiron en especialidades como a de Audición e Linguaxe (co correspondente perxuízo para o alumnado con máis problemas de aprendizaxe) e, finalmente, estivo en confinamento domiciliario cando así se prescribiu, con todo o que iso supuxo para eles mesmos e as súas familias.

Queremos destacar que a participación das familias na vida escolar se viu neste proceso moi afectada, xa que se recomendou desde a administración educativa realizar as mínimas titorías presenciais, reunións de pais/nais , e celebracións anuais realizadas nos recintos educativos. Ademais, a dinámica familiar e laboral viuse dificultada especialmente naqueles casos en que a rapazada tivo que estar confinada.

Queremos alertar de que esta situación mantida no tempo, está a provocar gravísimas consecuencias no alumnado a nivel psicolóxico, social e curricular. As máscaras provocan fatiga, limitan o recoñecemento da linguaxe non verbal, provocan atrasos por falta de estimulación e de modelos de imitación e producen unha diminución da intensidade de son que afecta considerablente á comprensión e á adquisición das aprendizaxes.  Tamén queremos resaltar que as restricións aplicadas na socialización e mobilidade favoreceron que aumentara, tanto en nen@s coma en adolescentes a depresión, a ansiedade, o medo, os trastornos da alimentación, a adicións a novas tecnoloxías e a taxa de suicidios.

Desde o Colectivo Berro Seco amosámonos en contra de que se perpetúe esta dinámica de imposición de medidas sanitarias no ámbito educativo, xa que consideramos que aumentan a desigualdade social e que van en detrimento da calidade do ensino e da propia calidade de vida do alumnado e das súas familias.

Despois da publicación de RD115/2022 de 8 de febreiro, arredor de 8 millóns de nen@s e adolescentes deixaron de levar máscaras nos patios dos recintos educativos. A estas alturas son moitos os estudos científicos de médicos, biólogos e virólogos de todo o mundo que amosan os graves perxuízos, tanto físicos como psicolóxicos, de continuar nesta dinámica de imposición de medidas.

As nosas demandas como colectivo enmárcanse dentro do principio número 10 da Declaración dos Dereitos do Neno que di: “ O neno debe ser protexido contra as prácticas que poidan fomentar a discriminación racial, relixiosa ou de calquera outra índole”.

Por todo o exposto anteriormente solicicitamos para o alumnado galego:

1.-Que os centros de ensino, en todos os niveis educativos, sexan lugares seguros para manter unha boa saúde tanto física como mental para o que é necesario a  supresión dos protocolos vixentes.

2.- Que se manteña a protección e privacidade dos datos sanitarios do alumnado.

3.- Que cesen as diferenzas entre alumnado vacinado e non vacinado tanto para decidir  confinamentos vs. vixilancias como para a realización de calquera actividade educativa.

 

Agradecémoslles de antemán a difusión das nosas propostas entre a comunidade educativa para que poidan ser debatidas en profundidade e para que se visibilicen os problemas que está xerando a implementación dos protocolos COVID nos centros educativos.

 

Santiago de Compostela, 18 de Febreiro de 2022

 


Ningún comentario:

Publicar un comentario